| |
NON AO DESENVOLVEMENTO
AGUSTÍN GARCÍA CALVO
O Réxime que padecemos (dende o comezo da Historia, pero dun xeito prepotente e descarado dende os anos sesentaetantos do pasado século) é o Réxime do Diñeiro, isto é, o Réxime en que o Estado (os Estados e as outras institucións da Orde) está enteiramente sometido ao movemento do Capital, de xeito que non se pode imaxinar un político, de calquera cor, que poida poñer o menor atranco ou desvío á lei do movemento acelerado do Diñeiro, nin deixar de crer que no Mañá están o Automóbil, a Televisión e demais armas que ese movemento precise.
Os que non ven e senten que isto é así sen máis, é porque non queren, isto é, porque eles, á súa vez, están nas empresas privadas das súas vidas, ao servizo do movemento do Capital, e cren que só grazas a ese sometemento poden soster as súas vidas, ou sexa o seu futuro, que é no que o Réxime mudou aquelo das súas vidas. O Réxime é, para a xente, sen máis, insostible, intolerable, insoportable. Os que non o senten e cren aínda que se pode vivir baixo a condena a traballar para mover diñeiro, a mercar para mover diñeiro, a divertirse para mover diñeiro, non teñen nada que facer neste intento que aquí nos traemos de desmentir a mentira do Réxime, a necesidade do seu desenvolvemento e o seu futuro.
“Desenvolvemento sostible” quere dicir isto: unha continuación do desenvolvemento do Capital (as súas Empresas, Estados, Banca, Medios), que sexa sostible para o Capital (disto, por fortuna, semella que os propios servidores do Capital comezan a ter algunhas dúbidas), porque, o que é para a xente, o Desenvolvemento e o Réxime que o necesita é insostible de por si e sen máis, coma unha administración de morte.
Calquera actuacións, ideas e boas intencións que, por parte de certa oposición ao Poder, contribúan a facer sustentable o Desenvolvemento están a colaborar co Poder e traizoando así á xente e ás posibilidades de vida sen futuro: pode iso contentalo persoalmente a un, ao que ten de servidor conforme que puxo a súa vida no diñeiro, moito ou pouco, que o Capital o distribúa como paga; pero, para os que nos queda de pobo vivo e de razón común, non deixa de ser unha traizón.
Non falar de “desenvolvemento sostible”, non empregar o vocabulario do Réxime e dos seus Medios, é a recomendación máis elemental que podo facerlles aos amigos.
|
| Colectivo editorial Renderén | colectivo.renderen(a)gmail.com | OURENSE - Galiza |
| |