O colectivo editorial Renderén fai un balance moi positivo do seu primeiro ano de existencia e comunica a todas que seguirá adiante co seu proxecto, co obxectivo de poñer na rúa un segundo monográfico baixo o título de “A civilización enferma”.
Durante o último ano, esta rede de afinidade e apoio mutuo que é o Renderén foi quen de organizarse como colectivo editorial, como foro de debate e como dispositivo de distribución, levando ás rúas da Galiza unha nova publicación libertaria que acadou unha boa aceptación por parte dos leitores. En apenas tres meses vendéuse a maior parte dos cincocentos exemplares postos en circulación de “A Falacia da Sustentabilidade”. Todo un éxito, á vista do panorama actual da difusión impresa en xeral e, sobre todo, se temos en conta que os contidos foron pendurados íntegramente na web do Renderén, con grande suceso.
Desde o colectivo editorial valoramos principalmente o extraordinario apoio recibido por parte dos numerosos individuos e agrupamentos que colaboraron en todas as fases do proxecto. Queremos compartir con todas a nosa satisfación por ter contribuido colectivamente no obxectivo de espallar as ideas e as prácticas libertarias, confrontándoas coa sistemática político-económica, social e cultural que nos asoballa e amordaza como individuos libres.
Renderén volve a activividade, mantendo as bases orixinais do seu proxecto: a independencia económica e ideolóxica de calquera institución, organización ou asociación, o funcionamento autoxestionado, autónomo e asembleario; autofinanciamento, ausencia de publicidade e de contraprestacións económicas tanto para os colaboradores como para o colectivo editor; rigorosidade nos contidos, belixerancia anticapitalista e plantexamento libertario.
A civilización enferma• A civilización está enferma e enférmanos a todos co seu veleno.
• O capitalismo global trasviste as nosas vidas en obxectos/suxeitos de consumo e produción roubándonos a saúde.
• Este sistema quere aos individuos enfermos, débiles e dependentes dos medicamentos e das tecnoloxías médico-cirúrxicas baixo o pretexto falaz e paradóxico dunha suposta “saúde integral” e culto ao corpo.
• Esta dependencia convértese en escravitude baixo o dominio absoluto da mercadotecnia da indústria farmaceutica internacional e da tecnoloxía aplicada que xa domina os outros campos do desenvolvemento
humano.
• Para pechar o círculo de explotación a nosa saúde fica en maos dos estados que xestionan este forzoso benestar mediante os sistemas sanitarios nacionais, as aseguradoras privadas e a oligarquía médica.
• As principais doenzas que sufrimos no mundo actual teñen a súa orixe na contaminación da auga e do ar, na manipulación xenética dos alimentos con fins industriais, nas condicións en que se realiza o traballo e, principalmente, na pobreza extrema e as míseras condicións de vida da maior parte dos seres humanos.
• As doenzas mentais son unha saída que o organismo, libre na súa totalidade, inventa para vivir unha situación invivible. Esquizofrenia e neurose xorden, o mesmo que a violencia no seo das sociedades, da opresión e da represión que sofre o individuo.
• O maior expoñente desta sociedade enferma e espectacular é a guerra, tanto na súa formulación explosiva como na competitividade máis cotiá.
Renderén quere asaltar convosco estas cuestións.
O día
30 de novembro péchase o prazo para a recepción de colaboracións.